No caso concreto do concello de Ferrol, Moreira indicou que está adherido ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia e incluído nunha área que integra a 11 concellos de Ferrolterra, onde se rexistrou un incremento do número de viaxes próximo ao dous por cento, dos que case dous millóns realizáronse con cargo á tarxeta metropolitana.
Jacobo Moreira lamentou que o Concello de Pontevedra “non só non dispón de transporte público urbano, senón que a súa actitude política non permite a implantación dunha área de transporte metropolitano que beneficie a 11 concellos da zona”. “Foi o único municipio que trasladou dúbidas ao borrador de convenio remitido pola Xunta hai meses, e tamén o único concello co que a Xunta mantivo reunións para tratar de explicarllo e aclararlle expresamente que o custo do transporte a Monteporreiro non subiría coa posta en marcha do plan”, engadiu.
“A día de hoxe, a ausencia de transporte urbano e a actitude egoísta do Concello de Pontevedra están a privar aos seus veciños e aos doutros 11 concellos da área de poder gozar das vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia”, criticou o deputado popular. Porén, apuntou que o Goberno galego “continuará traballando para impulsar o Plan de Transporte Metropolitano nas áreas onde aínda non está implantado, e proba diso é a partida de 10,5 millóns de euros que figura nos orzamentos para 2019 e que permitiría ampliar este servizo a Pontevedra no caso de que o Concello cambie de opinión”.