Santiago, 23 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular e coa abstención de En Marea, a través da que se insta á Xunta a seguir potenciando os programas de mellora da raza rubia galega. “Temos que seguir traballando conxuntamente todo o sector para seguir investindo en xenética, piar fundamental da mellora gandeira”, sinalou o deputado popular Daniel Vega.
Na súa intervención, Vega concretou que no noroeste peninsular existen arredor de 36.000 cabezas de raza rubia galega, en 1.800 explotacións, inscritas no Libro Xenealóxico da raza que leva Acruga.
“Estamos a falar dun sector importantísimo para o conxunto da economía galega, que crea postos de traballo, que medra en conxunto de explotacións e no que existe un relevo xeracional”, indicou o deputado popular.
FORTALECER A RAZA
Neste sentido, desde o Grupo Popular considérase necesario adaptar a selección e mellora xenética da raza rubia galega para conseguir un maior progreso de selección e fortalecer a raza, evitando que quede atrás no progreso xenético respecto doutras razas foráneas.
Así mesmo, Daniel Vega fixou “prioritario que se continúe a fomentar o emprego das razas autóctonas galegas tratando de incrementar os seus censos. “É necesario que se continúe co fomento do emprego das razas autóctonas, tratando de incrementar os seus censos continuar valorizándoas como sistema de produción diferenciada, fomentando o seu uso comercial como vía de subsistencia das ganderías e promovendo os produtos obtidos”, indicou.