Santiago, 28 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno do Estado á eliminación da taxa de reposición de efectivos na Lei de orzamentos de 2019, de xeito que corresponda a cada comunidade autónoma a competencia de determinar o número de prazas a incluír na oferta anual de emprego público.
Aurelio Núñez explicou que “a persistencia da taxa de reposición é normativa básica do Estado, polo que entendemos que a oposición non pretenderá que o Goberno da Xunta incumpra a lei”. Neste sentido, lembrou que “o inventor desta medida foi o Goberno socialista, que a aplicou nos anos 2009, 2010 e 2011, aínda que tamén serán culpables os propios sindicatos que asinaron este mesmo ano o acordo co goberno do Partido Popular”.
“Estamos a favor da eliminación da taxa de reposición en Galicia, en consonancia cos bos datos económicos coñecidos e previstos, e diante do cumprimento dos obxectivos do déficit e da regra do gasto na Comunidade galega”, sinalou.
Na súa intervención, o portavoz popular subliñou que “as prazas convocadas polo Sergas durante o período 2012-2018 chegan a 4.622, incluíndo as anunciadas a pasada semana”, unha cifra que se incrementa ata as 5.500 no último concurso de traslados resolto recentemente.