Santiago, 30 de novembro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno do Estado que defenda a pesca de quenlla por parte da frota de palangre e proceda a demandar da Comisión Europea a clarificación técnica da interpretación da normativa que prohibe a práctica coñecida como “finning”, que consiste no corte das aletas de tiburón para rendemento económico e tirar co resto do corpo.
Así mesmo, solicítase que o Goberno de España traballe no seno da Unión Europea para que se estenda a aplicación da normativa europea nesta materia ao resto de frotas mundiais, evitando deste xeito que existan diferentes condicionantes para esta práctica pesqueira segundo a frota de cada país.
A portavoz do Mar, Teresa Egerique, lembrou que “a frota española, e especialmente a galega, pesca quenlla sempre de xeito sustentable e responsable”. Neste sentido, apuntou que a frota galega “fai un aproveitamento integral do tiburón, posto que se vende absolutamente todo: corpo e aletas, aínda que a separación se faga en terra para obter o mellor rendemento económico”.
Na actualidade xerouse certa controversia a propósito de certos ataques de grupos ecoloxistas que forzaron a determinadas navieiras a poñer veto ao transporte de pescado. “Esta situación provocou que o sector galego tivera que explicar en Bruxelas a metodoloxía que emprega na pesca de tiburón, demostrando que se aproveita todo o corpo e que nada ten que ver coas prácticas doutros países”, explicou.
Teresa Egerique sinalou que “as medidas impostas pola Unión Europea están a restar competitividade á frota galega respecto doutras frotas, polo que desde o sector e a Xunta sempre se demandou que se estendese a prohibición ao resto de frotas mundiais, entre as que algunhas é ben coñecido que si practican o finning”.