Santiago, 17 de xaneiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Soraya Salorio salientou hoxe no Parlamento que “a sinistralidade laboral reduciuse en máis dun 50 por cento nos últimos oito anos, conseguindo que o 98 por cento dos accidentes sexan leves”.
Soraya Salorio manifestou o “firme compromiso do Goberno galego e os axentes sociais na consecución duns mellores niveis de seguridade e saúde no traballo, co fin de reducir a sinistralidade laboral en Galicia”. Neste ámbito enmárcase a Estratexia Galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020 que a Xunta está a desenvolver para garantir un emprego seguro e de calidade.
Así mesmo, a deputada popular salientou que o orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria para fomentar a seguridade e saúde laboral nas empresas alcanza os 9,7 millóns de euros este ano 2018, o que supón un incremento do 29 por cento.