Santiago, 18 de xaneiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha emenda presentada polo Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se reitera ao Goberno central que faga as modificacións lexislativas necesarias para eliminar os privilexios fiscais dos que goza a empresa AUDASA respecto da autoestrada AP-9, suprimindo a bonificación do 95 por cento do IBI e apoiando aos concellos polos que transcorre esta vía nas accións que podan levar a cabo para reclamar á empresa concesionaria o pago íntegro deste imposto.
O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, lembrou que o Pleno do Parlamento do pasado 19 de decembro “xa aprobou por unanimidade unha moción a través da que se demanda ao Goberno central que faga as modificacións lexislativas necesarias para eliminar os privilexios fiscais dos que goza a concesionaria da autoestrada AP-9, suprimindo a bonificación do 95 por cento no IBI”.
Deste xeito, Fernández Prado incidiu que o acordo acadado hoxe “reitera a solicitude para que se elimine a bonificación no IBI que ten AUDASA e que os concellos poidan ingresar a totalidade deste imposto sen deducións”.
Na súa intervención, o portavoz popular manifestou que “os concellos teñen autonomía municipal para reclamar esta exención do IBI á empresa concesionaria, pero tamén contan co apoio dos servizos xurídicos das deputacións e de organismos como a FEMP ou a FEGAMP”.