Santiago, 18 de xaneiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, e coa única abstención do Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a avaliar o estudo técnico que se está elaborando sobre a conservación dos frescos das igrexas parroquiais dos Vilares e Labrada en Guitiriz, e abrir un espazo de diálogo co Arcebispado, o Concello e a Deputación de Lugo para acometer as actuacións de consolidación e restauración que sexan precisas.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado lembrou que neste momento está en proceso un informe encargado pola Asociación Veciñal Lareira dos Soños de Vilares, xunto cos propios párrocos das igrexas de Labrada e Os Vilares, para ter unha avaliación completa do estado dos frescos existentes nestes templos.
DIÁLOGO
“Unha vez rematado este informe e determinada a situación dos frescos, poderemos iniciar o diálogo preciso entre os propietarios e as administracións públicas competentes para desenvolver os traballos e accións necesarias para a conservación destas pinturas murais”, indicou.
Carlos Gómez subliñou “a relevancia destas pinturas atopadas nos anos 90 nas igrexas parroquiais dos Vilares e Labrada no concello lucense de Guitiriz, así como a nosa preocupación e interese por frear o seu deterioro e garantir a súa conservación”.