Santiago, 24 de xaneiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou esta mañá no Parlamento que “o vodevil do alcalde de Vigo co trasvase do río Verdugo e o abastecemento de auga nesta cidade ten un único obxectivo: ocultar aos vigueses que lle están a subministrar a prezo de auga mineral a auga dos floreiros”. Así mesmo, criticou que “o alcalde decidiu gastar en autopromoción os cartos que deberían dedicarse a mellorar a rede de abastecemento de Vigo, tal e como o afirma a propia concesionaria do servizo municipal de auga”.
No debate dunha proposición non de lei do BNG, Pazos explicou o voto en contra do Grupo Popular “porque nos pide que se fagan estudos que xa están feitos e que levaron a tomar a decisión de abordar por urxencia o trasvase do Verdugo a Eiras para garantir o abastecemento de Vigo, Moaña, Cangas ou Redondela, e que, desaparecida a emerxencia, continúase a tramitar pola vía ordinaria e avogando polo consenso”.
Na súa intervención, o deputado popular asegurou que “o Goberno galego sempre colaborou cos concellos no abastecemento de augas aos seus veciños, especialmente naqueles máis pequenos, e tamén colaborará co Concello de Vigo cando este deixe de marear a perdiz”
MÁIS DE UN MES PARA ACEPTAR O TRASVASE
Logo de recordar que a Xunta xa activara a prealerta por sequía na comarca de Vigo no mes de setembro de 2016, “o alcalde, nunha situación que el mesmo cualificou de alerta vermella, tardou máis de un mes en aceptar a proposta para o trasvase do río Verdugo, prazo suficiente para que os encoros da comarca recuperasen un nivel de auga superior ao 80 por cento”.
Alberto Pazos criticou que o alcalde de Vigo estea a “ocultar os investimentos en abastecemento e saneamento; negando as análises de calidade da auga á oposición; ou purgando masivamente as tuberías xusto ao lado dun dos colexios nos que a Xunta prohibiu o consumo de auga polo seu alto contido en ferro”.
Así mesmo, referiuse a un informe da concesionaria do servizo municipal de augas de Vigo no que pon de manifesto que “as instalacións actuais non permiten o cumprimento da lexislación, nin garantir o tratamento para os caudais de demanda dalgunhas previsións a medio prazo”, polo que considera como unha causa para impulsar a renovación das tuberías “a imposibilidade de cumprir cos criterios da calidade das augas, que fundamentalmente se manifesta a través dun aumento da turbidez e elevadas concentracións de ferro e manganeso”.