Santiago, 31 de xaneiro de 2018.- O presidente do Novas Xeracións de Galicia, Adrián Pardo, asegurou esta mañá que, “fronte aqueles que cando gobernan fan da Educación un foco de conflito ou de adoutrinamento, nós facemos un motor de progreso”.
O líder da formación xuvenil do PPdeG, afeou a actitude dos grupos da oposición que critican o noso Sistema Educativo xa que, mentres co bipartito había en Galicia un 25,8% de fracaso escolar, agora hai nun 14.9%, o noso mellor dato histórico.
De feito, a nosa Comunidade baixou na última década en máis de dez puntos a taxa de abandono escolar, hoxe podemos presumir de contar co sistema máis equitativo do Estado e do mundo segundo o informe PISA e somos a rexión con menor número de alumnos por profesor. “Dende Novas Xeracións de Galicia animamos á Xunta a seguir este camiño. Un camiño que nos está a traer os mellores resultados da nosa historia”, manifestou.
Sobre a Convención Nacional de Educación que o PP celebrou o pasado sábado en Santiago, Pardo fixo fincapé nas grandes propostas que alí se fixeron como a aposta polo sistema MIR na docencia que garante a calidade, a competitividade e a formación dos nosos profesores. Todo isto, está dentro dun pacto nacional pola Educación ao que Pardo agarda que se adhiran o resto de forzas políticas pois “será unha ferramenta única para seguir traballando na excelencia do noso Sistema Educativo”.
Nese senso, puxo en valor as políticas que está a levar a Xunta a través de “máis investimento e mellor destinado”. “Hoxe podemos dicir que grazas as políticas do Goberno galego ser mozo en Galicia é moito máis sinxelo que ser mozo en calquera outra parte do Estado” porque “a nosa Comunidade aposta pola Educación, xa que na Educación encóntrase o futuro de Galicia”.
Tal e como sinalou, somos a autonomía con maior número de alumnos de primaria e ESO con transporte escolar totalmente gratuíto, a terceira en ofertar un maior número de centros con comedor escolar, continúa a forte aposta pola ensinanza do inglés, estendéndose a ensinanza plurilingüe a infantil, bacharelato e formación profesional; e impúlsase a educación dixital.
Así mesmo, o presidente de Novas Xeracións quixo salientar que fomos a primeira Comunidade en recoller nun mesmo protocolo o tratamento dun mal tan estendido na nosa época como é o acoso e o ciberacoso, grazas ao cal o 85% das familias declararon que os seus fillos non padeceron ningunha actitude contraria á convivencia. Igualmente, subliñou que a loita contra o bullying ten que seguir a ser unha prioridade.
A UNIVERSIDADE MÁIS ACCESIBLE
Durante a súa intervención, Adrián Pardo celebrou que Galicia ten a universidade máis accesible de toda España, cunhas taxas que levan conxeladas dende a chegada do PPdeG á Xunta. De feito, a pesar de pasar unha das crises económicas máis duras, actualmente un rapaz paga o mesmo que outro que empezase a carreira hai dez anos e, hoxe, “ningún mozo galego ten que deixar a universidade por cuestións económicas”.
Ademais, tras recordar o aumento de 50 millóns de euros nas bolsas anunciado recentemente polo ministro de Educación, o presidente da organización xuvenil reivindicou que Galicia ten unha universidade pública e de calidade que nunca estivo tan ben financiada, sendo a terceira autonomía que máis fondos achega á universidade en función do PIB.