Santiago, 31 de xaneiro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Cristina Romero defendeu hoxe no Parlamento “o traballo feito polo Consello de Contas de Galicia, a súa imparcialidade e independencia”, fronte ás propostas dos grupos da oposición que pretenden determinar “que entidades, planes, programas, contratos ou fondos ten que fiscalizar” este organismo. De cara ao futuro, aprobouse que o Consello de Contas fiscalice os criterios de reparto dos recursos que as deputacións provinciais reparten entre os concellos a través dos plans provinciais.
A Comisión permanente para as relacións co Consello de Contas aprobou esta maña as recomendacións do Grupo Popular ao seu plan de traballo para 2018, entre as que se insta a continuar aproximando ao ano en curso os informes da Conta Xeral da Comunidade galega, da Conta Xeral do Sergas e o informe de actividade económica-financeira das entidades públicas dependentes da Administración galega; continuar avanzando nos traballos para facilitar a rendición telemática da Conta Xeral da Administración autonómica; e manter con carácter periódico os informes sobre a actividade económico-financeira das entidades públicas dependentes da Administración galega.
Respecto das recomendacións rexistradas polos grupos da oposición, Romero concretou que “presentaron un total de 44 recomendacións, das que 19 se repiten coas presentadas hai nove meses; 9 xa están recollidas no Plan de Traballo para 2018 presentado polo Consello de Contas; e as outras 10 pretenden fixar, cun criterio político, os entes que debe fiscalizar este organismo”.
MÍNIMA INTERFERENCIA
A deputada popular concretou que a aceptación destas emendas da oposición “obedece ao principio de mínima interferencia coa actividade independente do Consello de Contas, do mesmo xeito que viñemos facendo ao longo destes anos”.
Deste xeito, aprobáronse outras tres recomendacións realizadas polos grupos da oposición. Unha primeira ten como obxectivo que o Concello de Contas realice un informe de fiscalización das deputacións provinciais no que se avalíen os criterios de reparto dos recursos entre os diferentes concellos a través dos plans provinciais, así como a eficiencia do gasto e o seu peso relativo nos orzamentos en relación coas competencias a desenvolver, comparando cando menos os 4 últimos mandatos.
Tamén se demanda que este órgano fiscalice a adxudicación dos contratos de limpeza dos edificios administrativos da Xunta no ano 2017, e que execute un informe de fiscalización de actividades da comisión intermunicipal Razamonde-San Trocado que afectas aos concellos de Punxín, San Amaro e Cenlle.