Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Aurelio Núñez criticou hoxe no Parlamento a incongruencia do BNG ao apoiar no Parlamento unha proposición non de lei a través da que se pide que a Demarcación de Costas do Estado adopte medidas urxentes de consolidación de noiros no viario Santa Mariña que bordea a praia de Razo, cando o grupo municipal nacionalista rexeitou no Concello de Carballo unha iniciativa idéntica nun Pleno celebrado no mes de xuño de 2016.
Aurelio Núñez lembrou que a proposición non de lei aprobada hoxe no Parlamento por unanimidade de todos os grupos parlamentarios “é copia literal da que se debateu no Concello de Carballo, que foi apoiada polos grupos municipais do PPdeG e de Terra Galega, e rexeitada polo rolo da maioría absoluta do BNG”.
BNG MUNICIPAL SEN INTERESE
“Está claro que o goberno municipal do BNG de Carballo non tivo nunca o máis mínimo interese na solución do problema de seguridade pública na praia de Razo, nin dos derrubes, nin do arranxo da estrada, nin da protección do espazo natural desta praia, nin tan sequera de demandar á Demarcación de Costas o arranxo que hoxe os nacionalistas apoian aquí de xeito sorprendente”, subliñou.
O deputado popular avanzou que o PPdeG “apoiou a iniciativa debatida hoxe no Parlamento deixando claro que a sinalización e protección do acceso ás zonas con risco de derrube, e a sinalización e restrición do acceso á zona mais perigosa da baixada de A Cabreira, son competencia municipal, sendo a Demarcación de Costas a que debe arranxar os problemas dos taludes, en base aos informes que se consideren para resolver este problema”.