Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O portavoz de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, reiterou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia para colaborar co Concello de Corcubión adopte o seu plan especial á lexislación vixente.
Fernández Prado lembrou a reunión celebrada pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co alcalde de Corcubión o pasado 4 de xaneiro para abordar a cuestión relativa ao plan especial de protección do conxunto histórico, comprometéndose a analizar a situación e avaliar a posible colaboración do Goberno galego.
PRIMEIRO CON PLAN ESPECIAL DO CASCO HISTÓRICO
Corcubión conta cun plan especial de protección do casco histórico aprobado no ano 1991, sendo o primeiro en Galicia en contar cunha ordenación nesta materia. Na actualidade, a nova Lei de patrimonio cultural fixa un prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor para que os concellos con plan especial aprobado antes de 1995 se adapten á lexislación vixente.
O portavoz popular lembrou que “a Xunta de Galicia dispón desde o ano 2010 de axudas de planeamento específicas para a protección de zonas históricas, que teñen como obxectivo axudar aos concellos e contar cos instrumentos de planeamento urbanístico que contribúan a preservar o patrimonio cultural de asentamentos de carácter histórico ou de singular valor arquitectónico dos concellos cunha poboación inferior aos 50.000 habitantes”. Destas axudas téñense beneficiado 20 concellos galegos, que recibiron en total máis de tres millóns de euros.
Así mesmo, Martín Fernández sinalou que o concello de Corcubión conta cunha área de rehabilitación integral (ARI) no seu conxunto histórico desde 2003, a través da que se executaron seis convenios polos que a Xunta investiu 557.000 euros en axudas de rehabilitación a propietarios de vivendas e axudas de urbanización e reurbanización ao Concello, beneficiando a 60 vivendas.