Santiago, 1 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento a mellora do estado do firme da N-540 na provincia de Lugo, concretamente nos tramos que o precisen entre Guntín e Taboada e entre Taboada e A Barrela. En concreto, a iniciativa recolle os tramos de Guntín a Ventas de Narón e a variante de Chantada.
A deputada popular Julia Rodríguez manifestou que “un obxectivo prioritario das distintas administracións públicas debe ser conservar a rede de estradas en óptimas condicións para incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías máis cómodas que faciliten os seus desprazamentos”.
MANTEMENTO DEFICIENTE
Neste sentido, salientou que “a estrada nacional N-540, que une Lugo con Ourense atópase dende hai tempo nun estado de mantemento deficiente”, en especial na variante da localidade de Chantada e no seu acceso desde a LU-533.
Julia Rodríguez lembrou que a N-540 foi obxecto de varias actuacións no 2015 e o 2016, centradas nos puntos quilométricos máis conflitivos ou nos que existía un maior risco para a seguridade viaria. “Porén, a data de hoxe, existen varios tramos nos que resultan necesarias novas actuacións co fin de reparar o seu firme e entre os que destaca, en particular, o tramo de Guntín a Ventas de Narón e a variante de Chantada”, apuntou.