Santiago, 6 de febreiro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, asegurou no Parlamento que a reforma da Lei de saúde de Galicia, que hoxe iniciou a súa tramitación parlamentaria, “favorecerá o achegamento da asistencia aos hospitais comarcais” e acusou á oposición de “poñer en risco a supervivencia destes centros, diante da dificultade coñecida que hai a día de hoxe para cubrir prazas nos mesmos e a continua rotación e vacantes de profesionais que se producen”.
Aurelio Núñez afirmou que a organización por área sanitaria prevista nesta reforma lexislativa, “respectando a voluntariedade dos profesionais, axudará a acadar a cobertura das prazas de especialista nos hospitais comarcais diante da posibilidade de traballo en equipo cos hospitais de referencia; regularizará o desprazamento de profesionais entre os distintos hospitais; e facilitará a cobertura das posibles ausencias por permisos ou baixas”.
HOSPITAIS COMARCAIS, SERVIZO SANITARIO DE FUTURO
“Esta lei blinda a existencia dos 14 hospitais comarcais coa creación de distritos sanitarios, citados un por un no texto, e que toman como referencia a institución hospitalaria existente no seu ámbito territorial”, indicou o portavoz popular, quen criticou “o mantra da oposición coa suposta desaparición destes hospitais comarcais cando non hai máis que ver o investimento en infraestruturas e dotación tecnolóxica que se fixo desde a creación das estruturas de xestión integrada”.
Neste sentido, Núñez Centeno incidiu que a nova lei “consolida os hospitais comarcais como servizo sanitario de futuro en cada unha das súas zonas xeográficas, seguindo a ser hospitais de referencia como ata o de agora”. “Esta organización territorial non provocará ningún cambio de médico nin de hospital para ningunha persoa, e, por contra, achegará o servizo sanitario á cidadanía”, engadiu.
No eido da participación social, Aurelio Núñez subliñou o desenvolvemento do Consello Galego de Saúde e dos consellos de saúde de área e de distrito, cos que “se simplifica a regulación dos órganos de participación para facelos máis próximos á representación cidadá, así como máis realistas e operativos”. Así mesmo, regúlase na lei a existencia do Consello Asesor de Pacientes, no que participan as asociacións nas que se agrupan aos doentes.
O portavoz popular amosou a “preocupación polo desprestixio que os grupos da oposición están a facer da nosa sanidade no intento de desgastar ao Goberno da Xunta, xerando de modo interesado unha desconfianza da xente cun sistema sanitario cuxa calidade non debe deixar ningunha dúbida”.
MÁIS PROFESIONAIS TRABALLANDO NA SANIDADE GALEGA
“Eses 1000, 2000 ou 3000 postos perdidos na sanidade pública que denuncian segundo o voceiro da oposición e o día que cadre, convértense realmente nun incremento de 1.544 profesionais traballando para o sistema público de saúde de Galicia respecto a 2008, entre eles 167 médicos de familia mais, 583 enfermeiras e enfermeiros, e 136 millóns de euros de aumento no capítulo de persoal”, apuntou. Así mesmo, Aurelio Núñez salientou que cerca do 41 por cento do orzamento da Xunta destínase a sanidade, logo dun incremento de 251 millóns de euros.
Respecto da suposta privatización da sanidade galega, o portavoz popular explicou que “o gasto en asistencia sanitaria con medios alleos é un 5 por cento menor que en 2008”. Así, indicou que “cada día a sanidade pública fai 12.000 probas, 20.000 consultas e 800 cirurxías, das que a derivación á sanidade concertada é de 86 casos por xornada”.
Por último, Núñez Centeno criticou “a dobre vara de medir” dos grupos da oposición, xa que “os seus compañeiros no goberno da Comunidade de Valencia están a levar adiante unha modificación lexislativa da ordenación territorial da sanidade similar á proposta polo Goberno galego, contemplando a redución das 24 áreas incluídas na lei aprobada hai tres anos polo PP en seis áreas asistenciais”. “Faise, segundo a conselleira de Sanidade valenciana, para optimizar e acadar máis eficacia e eficiencia”, manifestou.