Santiago, 6 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos Couñago criticou hoxe que o grupo socialista “trouxera hoxe ao Pleno do Parlamento unha proposición de lei para a creación dun fondo de participación dos concellos nos tributos autonómicos que xa existe desde hai 15 anos”.
Alberto Pazos lamentou, ademais, que os socialistas “foran incapaces de tomarse a molestia de amosarlle o texto aos representantes da Fegamp, non digo xa de acordar o texto cos representantes dos concellos galegos”.
PRANTEXAMENTO SENSATO
“Se tivesen falado coa Fegamp, alguén lles podería ter comentado o acordo alcanzado entre o presidente da Xunta e o presidente da Fegamp o pasado 9 de xaneiro para traballar na redacción da nova Lei de bases de réxime local de Galicia, aínda conscientes da necesidade de agardar á futura reforma da lei estatal, para recoller tanto as competencias dos concellos como o financiamento requirido”, dixo.
Deste xeito, o deputado popular considerou “un prantexamento sensato: coñecer que financiamento imos contar as comunidades autónomas e os concellos unha vez aprobado o novo modelo para, posteriormente, establecer a fórmula de prestación dos servizos públicos en Galicia e como distribuímos os recursos dispoñibles para prestalos”.
Alberto Pazos salientou “o compromiso do actual Goberno galego co financiamento dos concellos galegos”, apuntando que “a Xunta mantivo nestes anos de crise e de baixada da recadación a contía do fondo de cooperación local, superando no 2018 os 125 millóns de euros e incrementando en seis millóns de euros as aportacións que se realizaban en 2008”.