Santiago, 6 de febreiro de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, criticou que o BNG rexeitara hoxe un acordo no Parlamento a través do que se solicita ao Ministerio de Fomento a realización dunha auditoría xeral sobre o servizo que presta a concesionaria da autoestrada AP-9 e as queixas das persoas usuarias.
Fernández Prado ironizou sobre “a loita partidista que están a protagonizar En Marea e o BNG para capitalizar politicamente todo o relativo á AP-9”. Neste sentido, sinalou que os nacionalistas “piden agora a creación dunha comisión de investigación sobre as obras de ampliación da AP-9 e as prórrogas da concesión, cando é coñecido que nin é o instrumento, nin a forma de facelo, nin o Parlamento de Galicia ten competencias sobre esta cuestión”.
APLICAR AS SUBAS ACORDADAS
“Cando hai contratos e concesións hai que cumprilos”, lembrou o portavoz popular, quen indicou que “os galegos non se deixan enganar e saben perfectamente quen defende os seus intereses e quen está aquí por intereses partidistas”. “Ao Partido Popular non lle gustan as peaxes, pero agora ten que aplicar as subas acordadas polo Goberno socialista en 2011”, sinalou.
Neste sentido, Martín Fernández criticou que o BNG non aceptara a oferta do Grupo Popular para sacar adiante un acordo a través do que se insta á Xunta a negociar co Goberno do Estado a non aplicación de novas subas abusivas das peaxes, a aplicación de bonificacións e a mellora da calidade do servizo, defendendo en todo momento con firmeza os intereses de Galicia e dos usuarios da AP-9 ante a concesionaria.