Santiago, 7 de febreiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, cos votos en contra de todos os grupos da oposición, a través da que se amosa o apoio á figura da prisión permanente revisable e se insta aos grupos parlamentarios do Congreso dos Deputados a que reconsideren a súa postura sobre a derrogación desta figura penal.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, defendeu esta proposición non de lei e demandou aos grupos da oposición “que escoiten á sociedade e non actúen de costas ao que pide a rúa”. “Estamos diante dunha demanda da sociedade para que o dereito penal responda ante certos feitos extremadamente atroces”, sinalou.
RESPOSTA A CRIMES ATROCES
“A nosa obriga como políticos e representantes da cidadanía é dar respostas aos crimes atroces e lexislar para dotar aos xuíces de recursos legais que garantan a xustiza e a seguridade para toda a sociedade que, por desgraza, non está libre de desaparicións, asasinatos, violacións, ensañamiento e a reincidencia como agravante de todo isto”, sinalou.
Neste sentido, destacou o seu “carácter revisable e co obxectivo claro de previr a presenza na sociedade de persoas que non están adaptadas para deixar de cometer crimes especialmente atroces e que se introduzan estas persoas na sociedade sen estar debidamente rehabilitadas”.
PENA AVALIADA A NIVEL EUROPEO E NACIONAL
Paula Prado explicou que a prisión permanente revisable “nin é cadea, nin é perpetua, nin é unha pena de aplicación xeral, nin é inconstitucional, e se así o fora terá que dicilo o Tribunal Constitucional e non un partido político”. Ademais, sinalou que “é unha pena que está avaliada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e que en España conta co informe favorable do Consello Xeral do Poder Xudicial, o Consello Fiscal e o Consello de Estado”.
Así mesmo, indicou que se trata dunha pena limitada en España a 8 delitos, fronte aos 20 casos de Alemaña ou 26 de Francia. “É proporcionada ao delito de que se trate, revisable por si mesma e creada para protexer aos cidadáns, protexelos das persoas que teñen cometido delitos gravísimos e que teñen que demostrar que están rehabilitadas e que poden vivir en sociedade”, manifestou.