Santiago, 8 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado reiterou hoxe no Parlamento o compromiso co Ateneo de Ourense para cederlle un espazo no edificio da rúa Concello número 11 da cidade ourensá. Porén, evitou poñer prazos a esta cesión porque “a Xunta non sabe cando vai recibir a nova biblioteca no edificio de San Francisco nin tampouco se a Administración central vai ceder o edificio da rúa do Concello número 11, paso previo para calquera plantexamento de uso deste inmoble”.
Carlos Gómez afirmou que “segue aberta a posibilidade para que, unha vez baleiras as instalacións e cedidas pola Administración central, se faga un estudo de viabilidade que valore os diferentes usos futuros dos espazos que actualmente ocupa a biblioteca central”.
AFORRAR ALUGUEIROS
“Está previsto aproveitar este espazo para reagrupar distintos servizos da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura e Educación que están dispersos por diferentes lugares da cidade de Ourense, coa finalidade de aforrar custes de alugueiro”, explicou. Ademais, avanzou que “atenderanse, na medida do posible, as necesidades de espazo das entidades e asociacións culturais da cidade”.
O deputado popular puntualizou que “a realidade neste momento é que a Biblioteca Central Territorial continuará nas súas instalacións actuais ata que non se reciba a obra da nova biblioteca en San Francisco e se efectúe o correspondente traslado”.
“Posteriormente, unha vez realizado ese traslado e baleiradas as instalacións, haberá que asinar coa Administración central a cesión do espazo deixado pola biblioteca para que continúe dependendo da Comunidade galega”, sinalou.