Santiago, 14 de febreiro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, reiterou hoxe no Parlamento que a Xunta delimite a zona con máis posibilidades de supoñer un risco de exposición crónica ao lindano á poboación residente de Porriño e Mos, realizar unha avaliación deste risco coas analíticas ou probas que a evidencia científica considere indicadas nestes casos, e ofertar un seguimento da evolución dos mesmos no tempo ata a súa normalización.
No debate dunha proposición non de lei de En Marea, Núñez Centeno lembrou que “o pasado 23 de xaneiro aprobouse no Pleno do Parlamento unha moción que xa recollía dous puntos da iniciativa que debatemos hoxe: continuar adoptando, en coordinación e colaboración co Concello de Porriño, as medidas preventivas necesarias para evitar riscos para a saúde das persoas; e realizar as analíticas pertinentes á veciñanza que reside nos lugares onde se confirme a presenza de residuos tóxicos que superen os valores máximos permitidos”.
Ademais, o portavoz popular manifestou que “o que En Marea solicita agora xa se está a facer pola Consellería de Sanidade: delimitouse un área dentro da que existiría un maior risco de exposición ao lindano, en base ás análises de augas e solo; fíxose unha enquisa a todos os residentes nesa área para estimar a posibilidade de exposición aguda e crónica aos hexaclorociclohexanos; ofertouse medición en sangue dos metabolitos de HCH á mesma poboación; e formalizáronse acordos de colaboración co departamento de Química Analítica da Universidade de Santiago para a realización das analíticas”.
“Non ten moito sentido que En Marea presente esta nova proposición non de lei aos 20 días de terse aprobado outra moi similar, sen dar tempo ao Goberno galego para executar todas as peticións que se recollían na moción aprobada por unanimidade o pasado 23 de xaneiro”, indicou Aurelio Núñez.