Santiago, 20 de febreiro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez, concretou hoxe que “case 1.300 persoas se teñen beneficiado da aplicación da Lei de garantías de prestacións sanitarias, e só a 79 foille ofertado a realización da proba ou a intervención noutro centro sanitario do Sergas”.
“A Lei de garantías estase a cumprir sen practicamente derivacións á sanidade concertada”, asegurou Aurelio Núñez, quen manifestou que á oposición “amólalles que as cifras de lista de agarda sexa cada ano mellores, porque estrágalle o seu discurso permanente sobre o desastre da sanidade pública galega”.
TEMPOS DE ESPERA REBAIXADOS
Núñez Centeno concretou que o tempo de espera media en cirurxía é de 66,4 días, a cifra máis baixa da serie histórica; mentres que á espera para pacientes con prioridade 1 reduciuse a 18,1 días. “En canto ás vías rápidas, o tempo de resposta desde atención primaria ata o profesional hospitalario é de 5,9 días, cunha rebaixa de 0,7 días respecto a 2016; e as primeiras consultas de enfermidade nos hospitais situáronse en 46,6 días, significativamente mellor que a media española de 72 días”, engadiu.
“Respecto dos recortes de persoal que a oposición repite incansablemente, a realidade é que hai un incremento de 1.500 profesionais sanitarios, 167 novos médicos de atención primaria, máis actividade cirúrxica, máis consultas, máis atención a urxencias, mellor tecnoloxía sanitaria, máis informatización e mellor capacidade resolutiva da atención primaria”, afirmou.
O portavoz popular subliñou que “esa é a realidade da sanidade pública galega que, por suposto, ten aspectos a mellorar e desde o Grupo Popular somos os primeiros en demandar á Consellería que tome as medidas que contribúan á mellora constante da asistencia sanitaria que se presta aos galegos e galegas”.