Santiago, 23 de febreiro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado afirmou hoxe que a Xunta de Galicia leva abonado cerca de 160 millóns de euros das axudas da Política Agraria Común correspondentes a 2017, o que supón un incremento do 15 por cento respecto do ano anterior.
En concreto, Gómez Salgado indicou que 26.000 beneficiarios destas axudas europeas recibiron ata o momento 137,3 millóns de axudas directas; 15,1 millóns en axudas ao desenvolvemento rural; e 7,4 millóns da axuda excepcional de adaptación ao sector produtor de vacún de leite.
190 MILLÓNS PARA 2018
De cara ao presente ano, o deputado popular avanzou que “a campaña de axudas da PAC en Galicia suporá un investimento de fondos europeos no rural galego de 190 millóns de euros, que chegarán a máis de 33.000 gandeiros e agricultores”.
Carlos Gómez explicou que “o pago destas axudas está supeditado á finalización dos controis de campo, que no caso galego condicionan o desenvolvemento da campaña polo elevado número de explotacións a visitar e pola súa dimensión”.
Neste sentido, destacou que “gracias á xestión da Consellería do Medio Rural conseguiuse axilizar os controis de campo para chegar a pagar cerca do 70 por cento do anticipo destas achegas”, engadindo que este adianto das axudas da PAC “axudou tamén a facer fronte aos problemas derivados da seca que estaba padecendo o sector”.