Santiago, 28 de febreiro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou hoxe no Parlamento que “existe un compromiso por parte do Sergas e da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 de estar vixiantes para que se cumpra a legalidade nas condicións laborais dos traballadores do servizo de operación telefónica do 061 e para que se garanta un servizo de calidade para a cidadanía no traslado ás novas instalacións de A Estrada”.
Aurelio Núñez lembrou que “o Goberno galego ten garantido que a migración ás novas instalacións en A Estrada farase cos correspondentes plans de continxencia, e a entrada en funcionamento da nova Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias realizarase nas datas que garantan a calidade na atención á demanda sanitaria urxente”.
AVANCE PARA OS CIDADÁNS
“Esperamos que a negociación entre empresa e representantes dos traballadores remate cun acordo satisfactorio para todas as partes, e que o traslado ás novas instalacións represente un avance para os cidadáns, que valoran de xeito moi positivo o servizo do 061”, manifestou.
Respecto do traslado do servizo do 061 ás novas dependencias de A Estrada, o portavoz popular explicou que “estase pendente da elaboración dun cronograma estrito de traslado, así como do remate das últimas obras e a dotación do equipamento preciso para dar unha atención de calidade”.