Santiago, 28 de febreiro de 2018.- O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que os sindicatos veñen de confirmar que prefiren bloquear a Xustiza que sentarse a negociar. Así, logo da súa negativa a entrevistarse co conselleiro Alfonso Rueda, o que amosan é que “prefiren seguir secuestrando a sociedade galega cun bloqueo da Administración de Xustiza, que penaliza a todos aqueles que precisen os servizos da mesma”, insistiu.
“Non se pode sustentar un acordo na reivindicación coa condición dunha suba salarial como a que plantexan os sindicatos”, apuntou Tellado ao tempo que engadía que “parten de posicionamentos que son inasumibles porque non teñen ganas de pactar senón intención de persistir na súa vontade de converter aos galegos en reféns das súas demandas”.
Deste xeito, os representantes sindicais están condenando a miles de cidadáns a uns retrasos inxustificados nos seus trámites e causas pendentes e, tal e como sinalou o número dous do PPdeG, “querer gañar máis non xustifica en ningún caso o bloqueo ao que se está sometendo á Administración de Xustiza sen respectar aos que non secundan as súas mobilizacións e os seus paros”.
Ademais, Tellado tamén evidenciou que “tense demostrado que buscan escusa tras escusa para non estar na mesa de negociación, da que se levantaron tres veces”. “Querer gañar 3.000 euros máis non é unha escusa razoable e defendible ante o pobo de Galicia para paralizar os xulgados de toda a Comunidade Autónoma”, sentenciou.