Santiago, 13 de marzo de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira cualificou hoxe de “irresponsabilidade tremenda que o Goberno socialista da Deputación de Pontevedra rexeitara o proxecto da Xunta para rehabilitar o Pazo de Lourizán en Pontevedra e crear un centro de investigación, co financiamento da empresa Ence”.
Jacobo Moreira criticou que “os socialistas defenderan hoxe no Parlamento unha proposición non de lei a través da que demandan que a Xunta cumpra o convenio firmado coa Deputación de no ano 1991 para a conservación do Pazo de Lourizán, cando a culpa de que ese pazo non estea recuperado é do propio Partido Socialista, que desde o Goberno da Deputación rexeitou hai menos de dous anos o proxecto de rehabilitación proposto pola Xunta”.
CON FINANCIAMENTO
Neste sentido, lembrou que a Xunta propuxo a creación dun centro de investigación punteiro no Pazo de Lourizán, mantendo a titularidade pública do inmoble. “Para a realización deste proxecto, o Goberno galego buscou financiamento e asinou un pacto coa empresa Ence a través do que, ademais de destinar 180 millóns de euros en axudas sociais durante 60 anos, se destinaban cinco millóns de euros para a rehabilitación e outros cinco millóns para proxectos de investigación”, concretou.
“Esta solución era boa economicamente, boa tecnicamente, boa en canto a axilización de prazos e boa para a administración pública, que en ningún caso perdía a titularidade pública do edificio”, afirmou.
Porén, criticou que “se iso non saíu adiante foi porque a Deputación de Pontevedra, gobernada polos socialistas, dixo que non”. “Unha vez máis, púxose de manifesto que as administracións gobernadas polo Partido Popular poñen solucións enriba da mesa e outros as botan abaixo”, lamentou.