Santiago, 16 de marzo de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a que actualice o marco normativo en materia económica, orzamentaria e contable, que inclúa a aprobación dun novo Plan de Contabilidade Pública da Comunidade Autónoma que cumpra co proceso de harmonización contable das normas internacionais aplicables á contabilidade do sector público.
A iniciativa tamén inclúe que a Xunta avance na implantación da rendición telemática da Conta Xeral da Comunidade Autónoma.
MELLORA DA TRANSPARENCIA
A deputada do Grupo Popular Cristina Romero explicou que a proposición non de lei aprobada hoxe incide no cumprimento do principio de transparencia da actividade pública, polo que solicita unha revisión da memoria da Conta Xeral da Xunta de Galicia, incorporando información sobre todos aqueles aspectos previstos na normativa de aprobación, en especial a situación financeira global do sector público; a execución de beneficios fiscais; o volume de endebedamento e grao de cumprimento de obxectivos; e o estado agregado dos compromisos de gastos futuros do sector público autonómico.
Cristina Romero subliñou que o Consello de Contas “ten verificado no seu informe correspondente a 2015 que a Xunta xestiona os cartos públicos dun xeito fiable, veraz e cumprindo coa lexislación vixente”. “Tamén verifica que a Contabilidade da Administración Xeral amosa a fiabilidade e a veracidade respecto da situación económica extracontable, ao tempo que a execución do gasto produciuse cumprindo a normativa que establece a lexislación vixente”, apuntou.
CONSOLIDACIÓN DA RECUPERACIÓN ECONÓMICA
“O Consello de Contas destaca que a Xunta segue mellorando a súa xestión orzamentaria con resultados positivos en eidos como o cumprimento dos obxectivos de estabilidade, a redución do gasto financeiro e a xestión do endebedamento”, indicou a deputada popular.
En concreto, e referíndose ao peche do exercicio de 2017, lembrou que “Galicia consolidou a recuperación económica e reforzou a súa solvencia ao volver a cumprir o obxectivo de déficit e o límite de débeda pública, controlando a regra de gasto, mantendo mellor tempo de pago a provedores que a media española, mellorando a recadación tributaria e medrando con taxas de PIB iguais ou superiores ao 3 por cento”.