Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O portavoz de Cultura do Grupo Popular, César Fernández, asegurou hoxe no Parlamento que “o traballo de apoio que se desenvolve desde o AGADIC e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) está a permitir conservar e divulgar o patrimonio audiovisual galego”, polo que negou que exista “unha ameaza á conservación deste legado”.
No debate dunha proposición non de lei de En Marea, César Fernández defendeu “o labor que fan os profesionais que traballan no CGAI para poñer en valor e conseguir a conservación do patrimonio audiovisual galego”.
MESMO NÚMERO DE PERSOAS
Neste sentido, dixo que no CGAI “hai agora mesmo exactamente o mesmo número de persoas traballando que hai un ano, antes da modificación da relación de postos de traballo que se levou a cabo na AGADIC”.
“O centro segue desenvolvemento as súas funcións con normalidade e afrontando cada ano novos proxectos”, salientou o portavoz popular, quen apuntou que o CGAI “xa non é unha filmoteca que está en A Coruña, senón que podemos considerala a filmoteca de Galicia”.
César Fernández lembrou que “existe unha rede de cinemas en Galicia en colaboración cos concellos, coñecida como Cinemas de Galicia, que ofrece unha carteleira de cine galego e europeo nos municipios que non teñen salas comerciais”. Ademais, existen acordos con diversas institucións para proxectar cinema de xeito habitual.