Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Daniel Vega demandou hoxe aos grupos da oposición que “se sumen ao Partido Popular e defendan o produto galego e ecolóxico”. Neste sentido, subliñou que a Xunta “xa está a incorporar criterios de fomento dos alimentos de proximidade, de produción familiar e ecolóxica nas compras públicas alimentarias nos centros dependentes da administración autonómica”.
Daniel Vega referiuse, en concreto, a xestión dos comedores dos centros públicos da Consellería de Educación “nos que se debe cumprir de xeito estrito coa guía de menús saudables elaborado pola Consellería de Sanidade, onde se establecen as condicións nutricionais, organolépticas, de gramaxe e de calidade esixidas”.
Na súa intervención, Vega subliñou que a Administración galega “coñece perfectamente e apoia o comercio local e os produtores comarcais, o que se traduce nunha defensa dos nosos produtos tanto para o consumo interno como para a súa exportación”.