Santiago, 24 de xaneiro de 2017.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, defendeu hoxe o desenvolvemento do plan estratéxico contra a hepatite C a nivel nacional, “de xeito absolutamente coordinado e non que cada autonomía faga o que lle pareza axeitado”. Neste sentido, cifrou en 4.700 as persoas tratadas en Galicia, “todos os enfermos que o precisaban, dentro da priorización prevista no plan estatal en relación co grao de fibrose e outros factores de interese”.
Aurelio Núñez asegurou que o PPdeG “está absolutamente orgulloso do éxito da aplicación do plan estratéxico da hepatite C en Galicia, así como dos profesionais sanitarios que foron quen de acadar cifras de tratamento importantes cun grao de efectividade na erradicación do virus que supera o 95 por cento na Comunidade galega”.
REXISTRO RIGOROSO E EXHAUSTIVO
Na súa intervención, recordou que o plan estratéxico obriga a facer un rexistro de tratamentos e características clínicas e poboacionais dos pacientes, de cara a avaliar a efectividade e seguridade dos novos tratamentos. “En Galicia, está a disposición de todos os profesionais que tratan a hepatite C, dende o primeiro día, a plataforma de rexistro VIXIA-HC, para facilitar o seguimento da efectividade e seguridade destes novos tratamentos, cumprindo cun dos requisitos do plan”, concretou.
“Eses datos de rexistro do VIXIA foron eloxiados nunha reunión no Ministerio de Sanidade, con representantes de todas as comunidades autónomas e do Ministerio, pola súa rigorosidade e exhaustividade”, lembrou. Así, apuntou que o propio Ministerio de Sanidade salientou que o 85 por cento dos datos achegados para analizar efectividade e seguridade dos tratamentos procedían da Comunidade galega.