Santiago, 2 de febreiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, valorou hoxe os datos de paro relativos ao mes de xaneiro. “Que pechemos xaneiro con 24.639 desempregados menos que hai un ano -descenso superior aos 10 puntos- constata a recuperación paulatina do mercado laboral galego”.
Tellado fixo unha foto fixa certeira da situación: “estamos ante a maior caída nun mes de xaneiro de toda a serie histórica, sumamos máis de tres anos de baixadas consecutivas na evolución anual, por cuarto ano consecutivo logra reducirse o paro nun mes de xaneiro e as afiliacións seguen mellorando”.
O segundo dos populares galegos destacou que “hoxe temos menos parados que hai un ano e máis contratacións”, e fixo fincapé na calidade destas. “É moi positivo que subise a contratación en xeral, pero é especialmente interesante que crecesen tanto os contratos indefinidos –un 22,08%- como os de tempo completo –un 10,18%-“, aseverou.
En calquera caso, para Tellado “Galicia non pode deixar atrás a ninguén na súa recuperación”, polo que considerou “especialmente positiva” a acción do Goberno galego en favor dos máis desfavorecidos e, especialmente, no tocante ás políticas activas de emprego.
Neste sentido lembrou que “mes a mes corroboramos a eficacia das políticas populares dende a Xunta, xa que estamos logrando que descenda o desemprego en colectivos prioritarios” en alusión aos menores de 30 anos, aos parados de longa duración e ás mulleres.
POLA SENDA CORRECTA
Tellado fixo referencia tamén aos datos recén coñecidos de evolución do PIB. A riqueza galega creceu o pasado ano a un ritmo do 3,4%, fronte ao 3,2% de media das comunidades autónomas.
Nas súas verbas, “é unha moi boa nova que ao comportamento do mercado laboral sumemos o dato de que Galicia medra a un ritmo superior que a media. Debemos seguir traballando para consolidarnos como unha comunidade que forma parte da solución dos problemas de España, non queremos ser unha comunidade que xere novos problemas”.
Por último apuntou que “é esperanzador que vaiamos deixando atrás a época na que non tiñamos máis que cosas malas que contar e noes por resposta”.