Santiago, 3 de febreiro de 2017.- Con motivo da celebración no día de mañá do Día Mundial contra o Cancro, o Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a estender neste ano 2017 o programa de detección precoz do carcinoma colorrectal a todas as estruturas organizativas de xestión integrada da sanidade galega.
A proposición non de lei recolle que os estudos de custo-efectividade demostran que este procedemento de cribado de cancro colorrectal é o máis indicado, con ampla diferenza con respecto a outros programas de prevención do cancro.
SEGUNDA CAUSA DE MORTE ONCOLÓXICA
Desde hai uns anos estase a desenvolver en Galicia o Programa galego de detección precoz do cancro colorrectal, co obxectivo de reducir a incidencia deste tumor, diminuíndo a mortalidade ou aumentando a supervivencia en base a un diagnóstico precoz. Despois da pilotaxe levada a cabo en varias estruturas de xestión integrada, desde o Grupo Popular considérase que é posible a xeneralización desta técnica a todos os cidadáns galegos.
O cancro de colon representa a segunda causa de morte por enfermidade oncolóxica, sendo o terceiro máis frecuente en varóns e o segundo en mulleres en taxa de incidencia. Diferentes estudos demostran que con este timpo de medidas preventivas se pode reducir a mortalidade das persoas afectadas por este tumor entre un 30 e un 35 por cento ao ser diagnosticado en fases iniciais, ao tempo que tamén se pode evitar a aparición do propio tumor coa localización e extirpación de lesións premalignas.