Santiago, 7 de febreiro de 2017.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, manifestou esta tarde no Parlamento que, logo dos compromisos asumidos polo ministro de Fomento, “só hai unha incertidume” para a execución das obras, polo que demandou á oposición que “apoien os orzamentos do Estado no Congreso dos Deputados que incorporarán as partidas necesarias para a construción do AVE a Galicia”.
Fernández Prado lamentou que o Grupo Socialista mantivera na súa moción a data de 2018 para a chegada da alta velocidade a Galicia, “cando a data que fixou o propio ministro a pasada semana foi o terceiro trimestre de 2019”.
VISITAR GALICIA CADA TRES MESES
“Existe a firme determinación de estudar cantas alternativas estean ao alcance e adoptar todas as medidas necesarias para que a alta velocidade chegue a Galicia no menor prazo de tempo posible”, sinalou.
O portavoz popular salientou, ademais, “a vontade manifestada polo ministro de Fomento de visitar Galicia cada tres meses para supervisar a boa marcha das obras”, polo que considerou “incongruente que os socialistas pidan na súa moción a posta en marcha dunha comisión de seguimento anual”.
“Os galegos estamos cansos dos continuos retrasos nas obras do AVE e que se nos dean datas distintas, pero tamén é certo que o AVE galego vai mellor que outros en construción”, manifestou o portavoz popular, quen lembrou as declaracións do portavoz do Goberno Vasco, Josu Erkoreka, afirmando que era “unha pena que o AVE vasco non fora ao ritmo do galego” ou de alcaldes do norte de León e sur de Asturias que demandaban para o seu túnel os mesmos compromisos que para o AVE galego.