Santiago, 15 de febreiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira lamentou esta mañá no Parlamento que “a irresponsabilidade política de BNG e PSOE poñan en risco un investimento de 10 millóns de euros para rehabilitar o degradado Pazo de Lourizán e crear neste inmoble un centro de I+D”. Moreira criticou o “cambio de postura” do BNG respecto deste proxecto, “ao anunciar primeiro que non ían poñer impedimentos ao que propuxera facer a Xunta no Pazo de Lourizán e poucos días despois opoñerse á rehabilitación deste inmoble”
Jacobo Moreira salientou que a rehabilitación do Pazo de Lourizán “era un dos compromisos arrancados a Ence pola Xunta de Galicia despois de que se lle concedera a prórroga da concesión que lle permite á empresa continuar na súa actual localización”.
PRIMEIRO COMPROMISO
“É a primeira vez que unha Administración pública consegue compromisos de investimento por parte de Ence que teñen rendemento directo para a veciñanza de Pontevedra, entre os que se atopan 15 millóns para a ampliación da depuradora de augas residuais de Pontevedra e dotar un programa anual para colectivos no que repartir ata 3 millóns de euros cada ano”, apuntou.
O deputado popular demandou unha explicación ao deputado do BNG Xosé Luis Bará “polo cambio de opinión respecto da rehabilitación do Pazo de Lourizán”. En concreto, lembrou que hai uns días o vicepresidente da Deputación de Pontevedra polo BNG anunciou publicamente que non ía poñer impedimentos ao que propuxera facer a Xunta de Galicia no Pazo.
“Á vista destas declaracións, o vicepresidente da Xunta e a conselleira de Medio Ambiente acudiron á Deputación de Pontevedra o pasado luns para reunirse coa súa presidenta e o vicepresidente, coa sorpresa de que nesa reunión o BNG mudara a súa postura e anuncia que poñerán atrancos á proposta de rehabilitar o Pazo de Lourizan e crear o Centro de I+D que propuxera Ence”.
INEXPLICABLE CAMBIO DE POSICIÓN DO BNG
Jacobo Moreira lamentou que, “unha vez que a Xunta tiña xa conseguidos os fondos para a necesaria rehabilitación do Pazo de Lourizán, un inexplicable cambio de posición do BNG pon en serio risco de perder estes fondos, o que suporá un prexuízo claro para toda a veciñanza”. Deste xeito, apuntou que “tanto BNG como PSOE terán que dar explicacións aos veciños de Lourizán desta decisión, aos que por culpa desa teimuda postura xa deixaron sen o campo de fútbol do que gozaban”.
“Desde o Partido Popular seguimos invitando a BNG e PSOE a que recapaciten e non boten abaixo investimentos para levar adiante proxectos positivos para os veciños de Pontevedra e que facilitarán a creación de postos de traballo”, indicou.