Santiago, 15 de febreiro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento galego dunha proposición non de lei, logo dunha transacción realizada co BNG, a través da que se insta á Xunta a executar, coa maior celeridade posible, o trasvase de area previsto para a praia de Covas en Viveiro, ao tempo que mantén unha vía de comunicación directa e permanente con todas as persoas afectadas para procurar unha solución a longo prazo para a fixación de area nesta praia.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que “a metade de poñente da praia de Covas foi perdendo area ata desaparecer a praia seca en pleamar, de forma que o mar bate sobre o muro do paseo marítimo, provocando avarías que poñen en perigo a estabilidade deste paseo”.
SOLUCIÓN PROVISIONAL
Diante desta situación, Portos de Galicia ten previsto dar unha solución provisional á protección do paseo marítimo co trasvase de 30.000 metros cúbicos de area da zona de levante da propia praia. Trenor explicou que esta actuación correrá a cargo deste ente da Xunta de Galicia, que investirá máis de 110.000 euros nesta actuación.
Gonzalo Trenor apuntou que tamén está previsto a elaboración, por parte da Dirección xeral de sostenibilidade da costa e do mar, dun estudo de dinámica do litoral que derive na presentación de medidas correctoras máis viables de cara á recuperación da praia de Covas. “As medidas que resulten deste estudo deberán ser consensuadas cos diferentes organismos e con todos os afectados para adoptar a solución a longo prazo”, apuntou.