Santiago, 15 de febreiro de 2017.- A deputada do Grupo Popular Soraya Salorio demandou hoxe no Parlamento que o Concello de Sada elabore un proxecto para evitar as inundacións no casco urbano deste municipio “e deixe de pedir diñeiro a discreción sen saber en concreto en que se vai investir”.
No debate dunha proposición non de lei sobre as inundacións no concello de Sada, Soraya Salorio lembrou que “o desastre do pasado 30 de marzo debeuse a unha falta total de previsión por parte dos responsables municipais e non a causas naturais”. En concreto, explicou que “non se tomaron as precaucións adecuadas ao non abrirse as trampillas que axudan a evacuar a auga, como se fixo sempre”.
BUSCAR SOLUCIÓNS E NON CULPABLES
“Sada non está incluído en ningún dos listados de risco de inundacións, tal e como o certificou o informe da Demarcación de Costas do Estado o pasado ano”, sinalou a deputada popular.
Salorio lamentou que o Partido Popular “ten proposto ao Goberno local buscar solucións e non culpables”, pero lamentou que ata o momento “o único que recibimos foi a súa resposta negativa a tres mocións que buscaban solucionar o problema e unha pregunta e un rogo que aínda estamos á espera de resposta”.
“Estamos a disposición do alcalde para falar deste e de calquera outro asunto que supoña beneficios para os veciños de Sada, pero non podemos apoiar demandas de investimento sen ter o proxecto específico ao que se destinarían os cartos”, indicou.