Santiago, 17 de febreiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, afirmou esta mañá que nos próximos meses a encomenda dos populares galegos é traballar nos congresos locais. Así mesmo, avanzou que os máis inmediatos serán os de A Coruña e Lugo, que posiblemente se celebren xa esta mesma primavera, e aos que seguirán os doutras cidades e un bo número de vilas de tamaño intermedio.
Con isto, Tellado manifestou que teñen tres obxectivos moi claros: “actualizar os equipos que traballan no día a día das nosas cidades; facer emerxer novos liderados, con persoas que teñan a lexitimidade para poñerse á fronte dun novo proxecto; e construír unha alternativa sólida do xeito máis rápido posible nos lugares nos que debemos recuperar o terreo perdido”.
“Este partido non para, nin a nivel estatal, nin a nivel autonómico, nin a nivel local; e non o faremos mentres poidamos dar resposta ás necesidades dos galegos”, apuntou Tellado.
Igualmente, o secretario xeral do PPdeG subliñou que en 2017 poñerase en moitos lugares de Galicia a primeira pedra de proxectos para conseguir devolverlle ás nosas cidades e vilas os gobernos que merecen. “Con ese espírito afrontamos os nosos procesos internos, como o inicio de etapas ilusionantes en moitos puntos da nosa comunidade”, engadiu.
TRABALLAR POLAS PERSOAS
Durante a súa intervención en rolda de prensa, Tellado tamén se referiu ao Congreso nacional do PP, ao que os populares galegos “fomos a Madrid a debater formas de traballar polas persoas ás que nos debemos os representantes públicos”.
Nese senso, sinalou que é un feito que o PP galego fundamenta os seus bos resultados electorais no contacto coa xente, en pisar a rúa e adaptarse ás demandas dos cidadáns. Deste modo, recoñeceu que traballan día a día coa premisa de que deben ser unha organización viva e en cambio constante.
Tellado insistiu en que, por este motivo, “desde o Partido Popular de Galicia preparámonos para que neste 2017 poidamos afondar nunha constante renovación que foi peza importante dos nosos éxitos recentes”.
DOUS PROXECTOS NACIONAIS DIFERENCIADOS
Para rematar, o número dous do PPdeG lembrou que a pasada fin de semana puidéronse contrastar dous proxectos nacionais de partido ben distintos. Por un lado Podemos, “centrado nas súas loitas e purgas internas, que apostou pola vía máis radical, agresiva e antisistema”; e polo outro o PP, “centrado en traballar pola xente desde as institucións, que continúa co seu rumbo moderado e integrador”.
“Ese mesmo contraste vémolo día a día en Galicia”, destacou Tellado indicando que mentres as Mareas de Podemos se preocupan por conspirar contra Villares, por non deixar falar a Carmen Santos en público ou por tapar a parálise das cidades con palabras bonitas; os populares preocúpanse por gobernar e por consolidar o crecemento do país.
“Se o obxectivo de Podemos ao contraprogramar o Congreso era que os españois nos comparasen, cremos que non debe haber ningunha dúbida sobre cal deles é un proxecto político serio e cal unha mala copia do exército zapatista”, sentenciou.