Santiago, 21 de febreiro de 2017.- O Grupo Popular volveu impulsar este martes no Pleno un amplo acordo parlamentario en defensa da actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo nas factorías de Ferroatlántica de Cee-Dumbría, sobre a base do texto transaccionado unha semana antes en Comisión parlamentaria.
Neste acordo ínstase ao Goberno galego a traballar con Ferroglobe para conseguir un plan de modernización das fábricas que posúe en Galicia que conte co maior apoio social e sindical, a solicitar o mantemento do emprego na Costa da Morte e a facer cumprir as condicións nas que a empresa conta coa concesión do aproveitamento dos ríos Xallas e Grande.
COMPROMISO
O viceportavoz popular, Miguel Tellado, lembrou que existen numerosos acordos parlamentarios en vigor no sentido do acadado neste Pleno, mais volveu a reiterar o compromiso do seu grupo “cos traballadores, coa actividade industrial e, en definitiva, coa Costa da Morte”.
Neste mesmo sentido, Tellado reprochoulle aos tres grupos da oposición que “sigan intentando axitar o medo na zona”, malia que tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; como o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acudiron á comarca a reunións cos actores implicados nas que “incluso alcaldes socialistas e nacionalistas quedaron satisfeitos coas explicacións que recibiron”.
Para finalizar, o viceportavoz insistiu en que non hai comunicación formal ante a Xunta da intención da empresa de vender as centrais, polo que lle pediu á oposición que rectifique nas acusacións vertidas contra o Goberno galego acerca da falta de transparencia no proceso. Sobre este punto, sinalou que este fin de semana o conselleiro delegado de Ferroglobe recoñeceu en numerosas entrevistas que non elevou ningunha proposta de venta ao Executivo autonómico.