Santiago, 22 de febreiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular, Alberto Pazos, pediu hoxe no Parlamento respecto á autonomía local para que os concellos galegos poidan determinar libremente o cálculo das taxas que consideren máis pertinentes ou acaídas para os seus intereses.
No debate dunha proposición non de lei de En Marea sobre sentenzas do Tribunal Supremo do pasado mes de decembro en relación utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local das instalacións de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos, Alberto Pazos felicitouse porque este grupo parlamentario “acuda a este Parlamento a propoñer a extensión a toda Galicia dunha medida impulsada polo Partido Popular, e máis concretamente polo PP de Arteixo”.
INICIATIVAS BEN FUNDAMENTADAS
“Pareceríame unha boa nova que abandonasen a defensa das moitas propostas disparatadas que realizaron as mareas de Podemos no exercicio dos gobernos municipais, e mudaran pola defensa de iniciativas ben fundamentadas, tanto xurídica como tecnicamente”, apuntou.
Alberto Pazos subliñou que as sentenzas do Tribunal Supremo establecen que “o método de cálculo establecido na ordenanza de Arteixo pola utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público das instalacións de transporte e distribución de enerxía eléctrica, gas, auga, hidrocarburos e outros é valido, do mesmo xeito que deixa meridianamente claro que outros métodos de cálculo, incluído o autonómico contido na Lei 6/2003, tamén o son”.
Neste sentido, explicou que “o éxito da iniciativa radica en que esa decisión non se baseou nunha ocorrencia, senón nun estudo previo que permita concluír que a proposta tiña cabida dentro do marco legal”.
O deputado popular demandou que cada corporación municipal, “no uso da autonomía local, determine libremente cal das distintas opcións para o cálculo da taxa considera máis pertinente e acaída, ben sexa autonómica ou local”. Ademais, engadiu que calquera concello terá a colaboración da Xunta ou da Fegamp para levar adiante esta acción.