Santiago, 3 de marzo de 2017.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe que tanto o Goberno galego como o PP “seguiremos velando polos dereitos dos consumidores, avaliando polo miúdo o comportamento das empresas eléctricas” durante os temporais que azoutaron Galicia hai uns días. Ademais, criticou que a oposición desexe que “a Xunta asuma en solitario os danos producidos polos temporais”, sen ter en conta que “a administración competente para asistir técnica e economicamente aos concellos son as deputacións e que existen numerosos danos que deben cubrir as empresas eléctricas ou os propios seguros”.
Pazos explicou que a Xunta “está a traballar desde o primeiro momento en dúas frontes: abrindo un expediente informativo para comprobar que as empresas distribuidoras de electricidade traballaron con dilixencia e de xeito axeitado; e velando polos dereitos dos consumidores a través dos servizos de información e asesoramento dos que dispón o Instituto Galego de Consumo e da Competencia”.
“É certo que os temporais que sufriu Galicia nas últimas datas foron dunha intensidade importante, pero non é menos certo que os danos que produciron sobre infraestruturas de titularidade pública foron moi inferiores aos sufridos o pasado ano”, lembrou o deputado popular.
RESTABLECEMENTO DA NORMALIDADE
Deste xeito, apuntou que “non existiu a concentración de danos na mesma medida que en 2016, e a maioría de administracións, e nomeadamente os concellos, foron que de restablecer a normalidade polos seus propios medios”.
Respecto das actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia, Pazos manifestou que “fixo fronte a todas as incidencias rexistradas en vías de titularidade autonómica, reintegrando a normalidade viaria con notable celeridade; ademais de seguir moi de cerca as actuacións levadas a cabo polo Adif nas vías ferroviarias nas que houbo incidentes por caídas de árbores ou desprendementos de catenarias”.