Santiago, 6 de marzo de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que a aprobación unánime polo Pleno do Parlamento galego da proposición de lei solicitando a transferencia da AP-9 a Galicia “ten moito valor e significado político tendo en conta a composición actual do Congreso dos Deputados”.
Pedro Puy lembrou que a AP-9 é “unha vía fundamental para o desenvolvemento social e económico de Galicia, que conecta a cinco das sete cidades galegas”. Neste sentido, amosou a súa confianza en que esta nova proposición de lei avance na súa tramitación no Congreso dos Deputados, unha vez se excluíron “os impedimentos formais” que motivaron o rexeitamento por parte do Congreso da anterior proposición de lei.
MELLORAR COA XESTIÓN AUTONÓMICA
Así mesmo, Puy explicou que a transferencia a Galicia da AP-9 “non implicará a supresión das peaxes, que están asinadas por contrato”, aínda que apuntou que “coa xestión autonómica se poderán mellorar” algunhas cuestións, do mesmo xeito que a Xunta está a facer nas autoestradas da súa titularidade con política de rebaixas selectivas para os usuarios habituais.
A sesión plenaria tamén inclúe outra proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, relacionada coas infraestruturas galegas. En concreto, trátase da continuación da autovía da Costa da Morte, que está previsto acometer con fondos orzamentarios unha vez se superou o descenso de ingresos públicos como consecuencia da crise económica. Puy avogou porque esta iniciativa “teña un apoio amplo” do Parlamento.
O Grupo Popular tamén defenderá outra proposición non de lei para que a Xunta de Galicia, a través do Consello Galego de Pesca, elabore un informe bianual no que plasmar as inquedanzas e problemas, así como os obxectivos e liñas de actuación a curto, medio e longo prazo, co senso de mellorar a competitividade e sostibilidade do noso sector pesqueiro. Puy considerou necesario este documento tendo en conta que este sector “está sometido a curto prazo a riscos en relación coa sostenibilidade