Santiago, 7 de marzo de 2017.- O Grupo Popular anunciou este martes no Pleno do Parlamento que impulsará en próximas semanas unha estratexia para reforzar a negociación colectiva en Galicia, instando ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas da Comunidade galega a negociar un acordo marco sobre a súa estrutura e contidos.
Este anuncio produciuse logo de que o viceportavoz, Miguel Tellado, reprochase ao BNG que presentase unha iniciativa “idéntica” a outra xa debatida en anteriores períodos de sesións. “Vemos que esta vai ser a súa estratexia de oposición”, afeoulle, tras lembrar que no debate de Orzamentos a maioría de emendas dos nacionalistas eran copiadas doutros anos.
MINIFUNDISMO IDEOLÓXICO NACIONALISTA
Na súa intervención, Tellado convidou ao resto de grupos da oposición a “retratarse”, xa que tanto UGT como CC.OO-Galicia rexeitan o modelo de negociación colectiva que defende o BNG, polo que os convenios autonómicos deben prevalecer sobre os estatais, de xeito que acusou aos nacionalistas de “minifundismo ideolóxico”.
Malia isto, o viceportavoz reivindicou a necesidade de buscar fórmulas para animar aos interlocutores sociais a que perseveren, alcancen acordos e melloren os contidos e a estrutura negociadora, para potenciar a igualdade e mellorar as condicións salariais, pero respectando sempre os ámbitos que a lei e eles establezan.