Santiago, 10 de marzo de 2017.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei na que se demanda ao Goberno central o impulso á modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol. Para o viceportavoz do grupo, Miguel Tellado, esta actuación permitiría “un acceso rápido ao Eixo Atlántico e ao futuro AVE á Meseta”, que suporía “un impulso ás comunicacións en toda a zona de Ferrolterra”.
Co afán de darlle a maior viabilidade posible ao proxecto, o Grupo Popular considera que esta conexión debe acometerse en fases sucesivas e cunha posta en funcionamento progresiva que permita unha mellora nos tempos de percorrido entre as dúas cidades. “Os ferroláns merecen un tren á altura da nova era no transporte que abrirá o AVE a Galicia”, subliñou Tellado.
MELLORA FERROVIARIA
Os populares valoran positivamente o traballo que vén realizando a Xunta co Goberno central, a administración responsable dos servizos ferroviarios, na mellora do transporte por ferrocarril en Galicia, que redundou nunha grande mellora da mobilidade dos galegos. Un dos mellores exemplos desta realidade é o propio Eixo Atlántico, unha liña cunha óptima acollida entre os cidadáns.
Neste sentido, desde o Parlamento galego tamén se impulsou recentemente unha iniciativa de mellora dos servizos entre Lugo e Ourense a través de Monforte.