Santiago, 10 de marzo de 2017.- A Comisión de investigación para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforro galegas e as causas e responsabilidades da súa transformación en bancos celebrou esta mañá unha sesión na que se aprobou, sen ningún voto en contra, as súas normas de funcionamento. Así mesmo, abriuse un prazo ata o vindeiro sábado 18 de marzo para que os grupos parlamentarios poidan formular suxestións para a elaboración do plan de traballo.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, lembrou que o obxectivo é “darlle á cidadanía unha boa información e unha exposición plausible sobre o que aconteceu coas caixas de aforro galegas”, para o que afirmou que “podemos chegar a acordos” entre todos os grupos parlamentarios.
Así mesmo, Puy coincidiu en que “é razoable” un prazo de entre 6 e 9 meses para elaborar o ditame da ponencia, ao tempo que anunciou a solicitude de incorporación de nova documentación sobre as sentenzas xudiciais contra os xestores das caixas ou o informe de fiscalización da venda realizado polo Tribunal de Contas.