Santiago, 15 de marzo de 2017.- A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García, criticou hoxe que o BNG pretenda “quitarlle protagonismo á proposta para o Pacto estatal contra a violencia de xénero acordada entre todos os grupos parlamentarios galegos promovendo unha recollida de sinaturas en Lugo para demandar un xulgado de violencia de xénero, cando este pacto xa recolle dotar de xulgados específicos alí onde non os haxa”.
Marián García lamenta “a decisión unilateral do BNG de desmarcarse dun consenso acadado no Parlamento galego entre todos os grupos políticos nun tema tan sensible e sobre o que todos deberíamos traballar conxuntamente para acabar con esta lacra social”. Neste sentido, lamentou que os nacionalistas galegos “busquen deste xeito un protagonismo que non teñen nas Cortes Xerais, onde se está a debater este Pacto de Estado contra a violencia de xénero”.
RESPALDO DE TODAS AS FORZAS
“Desde o Grupo Popular manteremos a nosa plena disposición a que todos os asuntos relacionados coa igualdade conten co respaldo de todas as forzas políticas, evitando que se utilice a violencia machista como arma arroxadiza política”, indicou.
Ademais, a portavoz popular salientou que “todas as cuestións aprobadas por consenso teñen unha maior forza e posibilidade de saír adiante que aquelas que se utilizan de xeito partidista e con ánimo de sacar rendibilidade política”.