Santiago, 16 de marzo de 2017.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González Vázquez, demandou hoxe “rigor e seriedade” aos grupos da oposición “cando falan dos cortes eléctricos durante os temporais do pasado mes de febreiro, porque só o 10 por cento dos máis de 1,8 millóns de puntos de subministración existentes en Galicia resultaron afectados naqueles días”.
José González lembrou que a Xunta de Galicia xa ten aberto un expediente informativo para avaliar o acontecido durante os tres temporais acontecidos os días 2 e 3 de febreiro e comprobar que as empresas eléctricas actuaron con dilixencia, ao tempo que está a velar polos dereitos dos consumidores, poñendo a disposición dos afectados todos os servizos de información e asesoramento.
2.400 EXPEDIENTES SANCIONADORES
Neste punto, salientou que “este Goberno ten aberto preto de 2.400 expedientes sancionadores ás compañías eléctricas por 22,9 millóns de euros, cando o anterior Goberno bipartito só abriu 9 expedientes por 97.000 euros”.
“A Xunta o que debe facer e fixo foi responder con dilixencia e solvencia técnica ás reclamacións que se presenten por incumprimento das obrigas das compañías eléctricas, porque non pretenderán os grupos da oposición que a Xunta se faga cargo de danos que outros teñen que correr con eles”, indicou.
O portavoz popular engadiu que as compañías eléctricas están a investir anualmente arredor de 125 millóns de euros na mellora dos 77.000 quilómetros de liña eléctrica existentes en Galicia. Estas actuacións permitiron reducir o tempo de interrupción do subministro de 2,5 horas en 2003 a 1 hora en 2015, así como o número de interrupción, que pasou de 3 en 2003 a 1,3 en 2015.