Santiago, 16 de marzo de 2017.- O Grupo Popular apoiou esta mañá no Parlamento a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno central para que modifique a normativa actual de xeito que os consumidores coñezan os países de orixe dos meles envasados en España no caso da comercialización de mesturas de produtos e distintos países de orixe. Así mesmo, solicítase un impulso á promoción do mel producido ao amparo da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.
José González amosou o apoio do PPdeG á protección do sector apícola galego, así como ao dereito dos consumidores a coñecer o que están mercando. Neste sentido, coincidiu coa oposición “na necesidade de que a orixe do mel se reflexe no etiquetado para que se defendan así os intereses dos consumidores”.
“Imos apoiar sempre ao sector agroalimentario galego de calidade como base para o desenvolvemento rural”, manifestou o portavoz popular. Así, considerou esencial “o apoio ás variedades e razas autóctonas da agricultura e gandería galegas, así como ás organizacións que garanten a calidade dos produtos galegos”.
ELEVADA CALIDADE E REPUTACIÓN
González explicou que o sector do mel en Galicia está formado fundamentalmente por apicultores con pequenas explotacións e empresas envasadoras especializadas na comercialización dese produto. “Trátase dun mel de elevada calidade e con gran reputación no mercado galego e español, de aí a existencia da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia”, engadiu.
Deste xeito, indicou que a obriga de indicar nas etiquetas os países de orixe no caso das mesturas de meles “non condiciona a actividade das empresas galegas e é un xeito de evitar a competencia desleal de produto de inferior calidade procedente de fóra, sobre todo de determinados países terceiros onde os requisitos legais e os controis son máis laxos”.