Santiago, 22 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, a iniciativa do Grupo Popular, a través da que se solicita á Xunta para que dea prioridade á negociación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co obxecto de acordar uns criterios claros para realizar investimentos en materia de obras hidráulicas e o establecemento dunha estrutura tarifaria de referencia.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, considerou “fundamental a existencia dun acordo político que reforce e dea soporte e impulso á negociación entre a Xunta e a Fegamp para dar prioridade á política de xestión da auga”.
TRABALLO NOS ÚLTIMOS ANOS
Gonzalo Trenor lembrou que as administracións públicas galegas levan traballando nos últimos anos en dúas liñas fundamentais de actuación: por unha banda, na reformulación dunha nova normativa de xestión integral da auga e, por outra, coa promoción e impulso dun pacto local da auga, para avanzar naqueles aspectos que máis poidan afectar á autonomía local.
Neste sentido, lembrou que a sinatura en novembro de 2013 do protocolo para o desenvolvemento do Pacto Local para a xestión do ciclo urbano da auga entre a Xunta e a Fegamp “sentou as bases para unha maior homoxeneidade no tratamento e na ordenación dos servizos do ciclo integral da auga en Galicia”.
O portavoz popular lembrou na súa intervención que o actual Goberno galego “fixo o maior investimento medioambiental da historia de Galicia en saneamento, depuración e abastecemento de auga”. En concreto, desde o ano 2009 investíronse máis de 1.100 millóns de euros, realizáronse máis de 350 actuacións de saneamento en 160 concellos, puxéronse en marcha 39 depuradoras e as novas infraestruturas dan servizo a máis de 1,2 millóns de galegos.
“Estes esforzos fixeron posible que a porcentaxe de augas en bo estado na demarcación Galicia-Costa ascendese ao 77,5 por cento, pero temos que seguir traballando ata acadar o 100 por cento, obxectivo para o que se puxo en marcha o Plan Hidrolóxico cun orzamento adicional de 655 millóns”, sinalou Trenor.