Santiago, 23 de marzo de 2017.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique criticou esta mañá no Parlamento que En Marea “pretenda comezar a casa polo tellado no Porto Chico de Foz, xa que propoñen a creación de puntos de amarre cando aínda non se ten rematada a dragaxe e sen coñecer a demanda existente”.
Teresa Egerique recoñeceu as potencialidades do porto de Foz para a náutica recreativa e para isto sinalou que Portos de Galicia “está a realizar as actuacións necesarias de tipo ambiental, dragaxe e de ordenamento do solo”.
En concreto, lembrou que Portos de Galicia, en colaboración co propio Concello de Foz, está a tramitar o terceiro dragado dos fondos mariños portuarios para conseguir maior calado, ao tempo que está comprometida a instalación, unha vez rematen os traballos de dragaxe, dun pantalán de 40 prazas para embarcacións de recreo e pesca deportiva.
“A día de hoxe, non existe constancia de petición oficial algunha para a ampliación de prazas de amarre no Porto Chico, polo que consideramos que o pantalán que está previsto instalar no porto deportivo dará resposta ás necesidades existentes”, sinalou a deputada popular.