Santiago, 23 de marzo de 2017.- A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Sandra Vázquez Domínguez, acusou hoxe ao PSdeG de “pretender apoderarse do Espazo Xove de Ourense para coxestionar actividades que non teñan como partícipes nin obxecto á mocidade ourensá”.
Sandra Vázquez indicou que o Espazo Xove de Ourense está a organizar máis de 60 actividades nas que participan preto de 130.000 usuarios tanto de organizacións xuvenís, como grupos informais e mozos e mozas en xeral.
“Mediante as súas programacións, o Espazo Xove ordena as actividades fundadas nas inquedanzas e intereses de todos os mozos que solicitan a dispoñibilidade deste recurso da Administración galega”, sinalou a portavoz popular, quen apuntou que para isto “emprégase un criterio democrático e procurando que ningunha entidade deixe de realizar actividades por falta de espazo”.
Respecto da apertura do Punto de Encontro Familiar no Espazo Xove, Sandra Vázquez salientou que “pasou de estar nun barrio periférico de Ourense a atoparse nun lugar máis céntrico e adecuado para os nenos e os pais que utilizan este recurso, con maior dotación e maior satisfacción por parte dos usuarios”.