Santiago, 23 de marzo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a levar a cabo accións formativas específicas en materia de atención especializada a menores expostos á violencia machista.
A portavoz de Igualdade, Marián García, manifestou que “as situacións de violencia contra as mulleres afectan tamén aos menores que se encontran no medio familiar, vítimas directas ou indirectas desa violencia, que necesitan de atención e medidas específicas”.
RECOÑECER AS CONDUTAS
“Co fin fundamental de que os mozos e mozas sexan capaces de recoñecer esas condutas nocivas e poidan frealas, así como para evitar que se agraven e supoñan un maior risco de violencia de xénero no futuro, a Xunta de Galicia leva a cabo numerosas accións de sensibilización e prevención tanto no ámbito da xuventude, como na educación ou nos servizos sociais”, indicou.
No ámbito educativo, destacou a posta en marcha do I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, “co obxectivo de chegar a todos os alumnos galegos e involucrar a todos os que teñan algo que dicir no mundo educativo: profesorado, persoal de administración e servizos e, por suposto, os pais e nais”.
Unha destas actuacións é o programa de asesoramento e terapia familiar con nenos e nenas que sufriron violencia de xénero, unha iniciativa que leva a cabo a Fundación Meniños coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade. Ademais, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia préstase atención psicolóxica aos fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero desde hai 11 anos, beneficiándose deste servizo máis de 1.300 menores.