Madrid, 4 de abril de 2017.- O presidente da Comisión de Fomento, Celso Delgado, valorou positivamente que Galicia sexa a segunda comunidade con maior inversión per cápita e que recibirá o 11% sobre o total rexionalizado dos recursos totais nos Presupostos Xerais do Estado, “o cal supón preto do dobre do que nos corresponde por poboación”.
Así mesmo, salientou que a nosa comunidade sexa a cuarta autonomía do Estado con maior investimento en termos globais. Segundo afirmou Delgado, “Galicia cumpre e ademais traballa co Goberno central desde a lealdade, a coordinación e a cooperación”, polo que “é lóxico que o Goberno central cumpra con nós do mesmo xeito”.
Deste modo, destacou que os máis de 933 millóns de euros de investimento do Goberno significan unha cantidade moi por riba do executado no 2016. Así, “despois dun 2016 que será lembrado polo bloqueo da oposición que tan perxudicial foi para o país, 2017 trae para a nosa comunidade os froitos da estabilidade do Goberno de Mariano Rajoy en forma de investimentos”.
Segundo destacou, os presupostos do Estado recollen “unha previsión suficiente para garantir o avance do AVE segundo o calendario comprometido e co obxectivo de que chegue a Galicia no terceiro trimestre de 2019, tanto polo seu investimento na Comunidade como polo seu investimento no tramo zamorano da liña, igual de importante no que respecta á conexión da alta velocidade ferroviaria galega coa Meseta”.
Do mesmo xeito, e máis aló do investimento en infraestruturas, Delgado destacou que as medidas sociais e fiscais do Goberno tamén terán unha incidencia moi positiva en Galicia.
Para o deputado galego, estes orzamentos teñen a credibilidade de teren sido deseñados por un Goberno que está a acertar nas previsións -a economía crece e o paro baixa, como vimos de coñecer hoxe-, que ten claro o modelo de país que ansía e que ten capacidade para facelo.
Por último, Delgado destacou o marcado carácter social destes orzamentos plasmado en partidas tan importantes como a dependencia, a protección á familia e tamén en incentivos para seguir creando emprego e reducindo a interinidade en sectores críticos como a Educación ou a Sanidade –mellorando o emprego público-.